Courel. Ruta da Devesa da Rogueira


3.984 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (1 votos, media: 4.00 de 5)
Loading...

FM131124Courel184

Xa vai alá un ano dende que estiven na Devesa da Rogueira, á que accedéramos daquela desde o Alto do Couto. Desta vez variamos e fixémolo desde Moreda

Erguémonos cedo, pois tiñamos por diante unha andaina que pintaba dura e, despois de recoller as pertenzas no albergue e dun bo almorzo (alguén comentou que lle faltou o zume, pero estivo moi ben), o autobús levounos dende Folgoso ata Moreda, punto de partida do percorrido.

No fermoso traxecto á beira do Lor, amenizado con cumbias, merengues e cha cha chá, o Víctor tíñanos preparada unha pequena sorpresa, pois no bus fíxose o sorteo dun agasallo que resultou ser o libro de Uxío Novoneira, Os Eidos, que lle tocou a Gonzalo (noraboa!), co consecuente gran mosqueo de Fina co chófer (o pobre do home foi a man inocente de todo isto… jajaja), agasallo moi acaído para a ocasión e poder reler o fermoso poema…

Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe! Eiquí síntese ben o puco que é un home… Os Eidos 1952.

As devesas son bosques de tipo atlántico orientados ao norte. Actualmente, no Courel quedan poucas e as que hai, están sempre en ladeiras moi empinadas e son moi húmidas. Conviven, por tanto, elementos do norte e centroeuropeos nas zonas altas, como as faias, con especies do sur de Europa no fondo dos vales, como aciñeiras e sobreiras. A devesa é, sobre todo, unha mostra dos antigos bosques das montañas galegas, e no presente aínda é un valioso refuxio para a fauna e a flora que foi quen de sobrevivir á longa historia da transformación humana do medio. Entre todas e todos podemos facer que esta riqueza se nos siga mostrando ante nós outono tras outono.

Devesa da Rogueira é pois a xoia ecolóxica da serra; está situada na vertente norte do monte Formigueiros (con 1.639 m de altitude), cuns tres quilómetros cadrados de bosque primario e unha impresionante diversidade arbórea. É un dos nosos tesouros naturais, a biodiversidade neste bosque autóctono é a maior da península Ibérica e, polo tanto, incomparable, así como a súa beleza.

“La devesa de la Rogueira, que se tendía a nuestros pies, goza de gran celebridad en aquellos contornos, no solamente por sus aguas, que reputan salutíferas, sino también por su vegetación virgen, intacta, primitiva, que allí domina. Apartada como está de toda población, apenas es visitada más que por algún leñador que de tarde en tarde corta algún árbol; así es que no se encuentra en ella un palmo de tierra que no sustente alguna planta. Extiéndese sobre rápidas pendientes y abruptos precipicios, y éstos tan ocultos y disimulados, que, no siendo las personas prácticas, que son pocas, es imposible andar por ella sin exponer la vida.” Viajes de herborización por Galicia, Padre Merino (1901).

Este día desprazámonos ata a Aula de Natureza de Moreda, onde comeza a ruta (mágoa que non estivera aberta para poder visitala). Entramos no bosque dende abaixo, o que implica salvar un considerable desnivel de 620 metros en 4,2 quilómetros. A ruta é curta, pero esixente pola pendente, pero transcorre por zonas umbrías, polo que imos vendo paisaxes cubertas aínda pola xeada.

Imos neste comezo polo val do rego da Rogueira e pouco a pouco vai gañando intensidade con fortes pendentes e atravesando colonias de bidueiros, acibros, pradairos, castiñeiros, carballos, faias, teixos… e acadamos a parte más alta da devesa, onde enlazamos coa ruta que ven dende o Alto do Couto, xa con neve no sendeiro ata chegar á Fonte do Cervo, onde remata o ascenso e que nos atopamos practicamente xeada, chea de caramelos. A imaxe era tan fermosa que decidimos estropeala un pouco facéndonos a foto do grupo diante dela.

Tamén coñecida como Fonte da Fame, é unha fonte moi peculiar e única en Galicia, xa que dunha rocha ao descuberto duns 15 m de altura na que hai dous orificios situados paralelamente dos que brotan duas fontes de augas ferruxinosas e calcáreas, que teñen sabor e olor totalmente distintos ás que se lles atribúe propiedades curativas.

Desde a Fonte do Cervo hai varias alternativas para efectuar o descenso: Desandamos uns 200 m o camiño que nos levou ata a fonte e, ou descendemos seguindo o mesmo itinerario polo que viñemos, ben tomamos o sendeiro que, en dirección leste, nos leva ata o Alto do Couto, ou ben indo cara ao Mirador de Polín, opción que tomamos nós, onde fixemos o descanso para repoñer forzas, e admirar a Rogueira e o Formigueiros en toda a súa plenitude.

Dende aquí descendemos ata Parada, lugar onde naceu o poeta Uxio Novoneyra, con fortes pendentes ao principio e logo, xa entre soutos, pero por bos camiños todo o tempo, e sen moita dificultade.

Ao igual que a de onte, esta ruta podemos catalogala perfectamente como circular, pois a distancia entre Parada e a Aula de natureza de Moreda, onde iniciamos a andaina, é moi pequena e pódese engadir perfectamente ao percorrido.

Ainda quedou tempo para parar en Seoane, tomarlle unha cervexa e ir visitar a Estación Científica do Courel que ten a USC nesta localidade en terreos cedidos polos veciños de Seoane.

Unha mágoa que a fin de semana sexa tan curta pois eu aínda botaba uns días máis coñecendo estas fermosas paraxes! E unha mágoa máis grande que esta serra de extraordinario valor biolóxico-etnográfico-xeológico teña tan escaso grao de protección!


Ver Ruta da Devesa de Roqueira nun mapa máis grande



Galería

Courel. Ruta da Devesa da Rogueira


3 comments

  1. Responder

    Mariví

    Espectacular, precioso´!!!, quero que me cambies a foto do “face” por outra deste itinerario que xa che direi cal e. Parabens por esta preciosidade

  2. Responder

    Mónica

    ¡¡Que fotos máis bonitas!! E esas “estalactitas” de xeo que ben che quedaron.

    A verdade e que O Courel estaba especialmente fermoso. E, despois deste primeiro contacto tan bo, esperemos seguir percorrendo e coñecendo a terra de Novoneyra no outono, na primavera, no inverno,…

    Fran, o que nos fas gozar coas fotos e o blog e impagable, porque vaiamos ou non ás rutas sabemos que sempre podemos percorrelas virtualmente contigo. E, como tes unha visión tan artística da paisaxe, sacas sempre o lado fotoxénico. Así que moitas grazas por compartilas e acompañalas de información!!

    • Responder

      Fran

      Grazas Mónica!! A verdade é que estou contento coas fotos que fixen (con algunha máis que con outra), e moito máis co ben que o pasamos estes días de andaina. 😉

      Bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*