Costa de Ferrol. De Covas a Valdoviño


1.027 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (7 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

Datos técnicos da ruta

Preme nas imaxes para velas a tamaño completo

Santa Combiña Bendita
ten un navío no mar;
quen cho dou,
quen cho daría
listo para navegar.

 Santa Combiña Bendita
que estás no medio da isla,
dache o vento,
dache o frío
e levántache a camisa

Santa Combiña Bendita
vela aí vai pola ribeira,
collendo rosas e flores
e meténdoas na faltriqueira.

Comezamos a camiñar…

Nesta ocasión faremos o noso terceiro percorrido pola costa de Ferrol, comezando onde rematamos a última vez, na praia de Santa Comba, en Covas. Ao comezo podemos ver a ermida de Santa Comba situada nun pequeno illote, ao que só se pode acceder coa marea baixa. Un pouco máis adiante camiñaremos pola praia de Ponzos. Aquí nos adentramos xa no espazo natural Costa Ártabra, que  percorremos ata chegar ao monte da Vela, o cal ascenderemos e dende o seu cumio poderemos gozar dunhas abraiantes panorámicas deste tramo costeiro. O monte ten numerosos restos de instalacións militares. Logo toca descender ata a praia de Meirás, e de aquí continuar pola costa ata o faro de Meirás, final da andaina.

Comezamos a camiñar desde a praia de Santa Comba pola fermosa ruta de senderismo da Costa Ártabra, que transcorre pola costa naronesa ata Campelo (uns 12 km, aproximadamente). É unha ruta que está perfectamente sinalizada con paneis informativos indicando distancias e tempos, con dificultade baixa nos concellos de Ferrol e Valdoviño e media-alta no concello de Narón onde se sobe aos montes da Lagoa con fortes pendentes e desniveis, pero que paga a pena pois as vistas son impresionantes.

A praia de Ponzos, un areal de 1400 m de lonxitude que atopamos hoxe sometido a unha forte ondada, atesoura un sistema dunar ben conservado. Sempre que andamos por estes espazos dunares non me canso de insistir no comentario de que son moi sensibles e valiosos, polo que coidalos está nas nosas mans!

Pero esta praia conta con máis tesouros. Anque non nos poidemos achegar ata a mina de Covarradeiras, mina de ouro a ceo aberto  que, segundo as investigacións, xa foran explotadas desde a romanización e mesmo antes, probablemente por poboadores da Idade do Ferro, sí pasamos  á beira do antigo lavadoiro de material, de principios do século XX, pertencente á mina. A principios do século pasado, a empresa que explotaba a mina construiu unha nova galería xunto con este lavadoiro. Trátase dunha estrutura de formigón situada no punto medio da praia de Ponzos e que dista da propia mina un quilómetro.

Ademáis, segundo leo no panel informativo, esta praia agocha baixo as súas augas un bosque fósil dunha antigüidade aproximada de 5600 anos. Nesa época o nivel do mar situabase 5 m por debaixo do actual, nun terreo ocupado por bosques, que co tempo acabaron sepultados, primeiro pola area e máis tarde pola auga.

Continuamos camiño atravesando polo monte Salgueiro e os Montes da Lagoa, xa no concello de Narón, encontrándonos con algún pequeno río que salva fortes pendentes para desembocar no mar. O vento con auga que padecemos dende que comezamos a camiñar remite neste tramo, ao abrigo do piñeiral.

E chegamos á praia de Campelo, onde paga a pena facer unha pequena parada pois o mar está espectacular! Vemos como coa súa forza arrancou material rochoso das paredes do cantil na zona máis próxima á praia e como cara á dereita as rochas máis resistentes permanecen, formando columnas rochosas, covas mariñas ou illotes. Unha lección de oceanografía física en toda regra! As ondas, as correntes mariñas e as mareas traballando a costa ao longo dos anos polos lugares onde lle é máis doado, e modelándoa nunha paisaxe única e cambiante… pero tamén nos atopamos con plantas exóticas invasoras, que poñen en perigo o resto da flora propia da zona, como a uña de gato (Carpobrotus sp.) procedente de África.

Deixamos marabillados a praia e comezamos o ascenso ao monte da Vela. Hoxe vou coas forzas xustas e estame costando chegar ao cumio, pero pagou a pena o esforzo pois temos unhas vistas privilexiadas sobre o Atlántico e sobre o val que se estende ante nós, limitado ao norte pola praia da Frouxeira, en Valdoviño, formando un conxunto paisaxístico de gran atractivo e onde vemos un territorio ben aproveitado pola actividade humana. Cara ao norte costeiro aprécianse perfectamente os restos de antigas instalacións militares onde estaban situadas as baterias de defensa da entrada da Base Naval de Ferrol, polas que pasaremos a medida que vaiamos descendendo e sendo algunha delas auténticos miradoiros desta fermosa costa. Xa temos á vista a vertical silueta do faro de Punta Frouxeira, un dos máis modernos do país, construído no ano 1992, o punto de chegada da ruta de hoxe.

Baixamos cara a Meirás, sementada na zona costeira de casas de veraneo fundamentalmente, a maior parte delas pechadas, tal como comprobamos a medida que percorremos as súas rúas ata chegar á abrigada Praia do Rio.

Posteriormente seguimos pola costa sobre os cantís golpeados pola furia das ondas, deixamos á nosa esquerda a piscifactoría e a Capela da Nosa Señora do Mar, tamén coñecida como a Ermida da Virxe do Porto, unha das capelas mariñeiras máis sinxelas, inusitadas e feiticeiras que teño visto… e continuamos camiño desexando que esta Nosa Señora do Porto siga a resistir os embates do fero Atlántico; imos polo camiño de area que nos leva ata o faro da Frouxeira, sempre xunto ao mar. Neste último treito o vento dá con forza, polo que compre ir con coidado polo carreiro pero sen deixar de mirar para os cantís… imposible facelo!

Como cheguei de último ao faro, e a maioría xa estaba facendo estiramentos, quedei sen ver o cantil ao que se accede pola parte superior dunha bóveda de formigón que é o teito do túnel que hai debaixo, que servía para gardar as antigas baterías militares. Creo que hai un balcón desde onde se poden ver as ondas xigantes romper nos días de temporal… terei que agardar á seguinte andaina que comezaremos neste punto e ver se podemos descender a estes túneles.

O Faro de Punta Frouxeira, singular e vangardista, foi erixido no 1992 pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. A torre acada os 30 m de altura, e a súa luz máis de 20 millas náuticas. No 2008 sufriría as súas primeiras reformas, nas que se eliminaría unha fachada de vidro e se tapiarían os diferentes andares, deixando só pequenas xanelas nas escaleiras. Este faro branquiazul é totalmente automático e está controlado remotamente dende o mesmo día que entrou en funcionamento.

Dende a Punta Frouxeira albiscamos dúas fermosísimas panorámicas da contorna. Cara o nordeste, o longo e branco Areal da Frouxeira, que percorreremos máis adiante e, cara o suroeste, os perigosos e cantís de O Porto, onde se localiza a branca ermida que acabamos de pasar, e da que non paro de sacarlle fotos… que mágoa dá que se acaben rutas como estas!

PS. Contoume Suso que esta ruta xa se fixo en febreiro de 2008, e mandoume unha serie de fotos daquela, que vos mostro para que vexades as similitudes… e que día tan bo tiveron!



Galería

Costa de Ferrol. De Covas a Valdoviño


4 comments

  1. Responder

    Marivi

    Que preciosa costa, e o mar bravío non si?. Sabes o nome do arquitecto do faro?. E igualiño a uns chalets que hai preto do parque de santa cruz, en oleiros, azuis e brancos e coas fiestras pequeniñas. Bicos e a disfrutar o vindeiro sábado

    • Responder

      Pois non o sei. Hai unha guía de Faros de Galicia, que vou consultar, escrita por Lino Pazos. Vou ver se di algo da autoría do faro, e xa cho traslado.
      Bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*