547 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 4.00 de 5)
Loading...
Costa de Dexo, Oleiros - 12/11/2016

Costa de Dexo-Serantes, Oleiros – 12/11/2016

O Monumento Natural da costa de Dexo-Serantes, no Concello de Oleiros, foi declarado o 31 de marzo de 2001 como recoñecemento a un conxunto de valores ambientais que, igualmente, levaron a este espazo a ser incluído na listaxe galega de Lugares de Importancia Comunitaria (Rede Natura 2000). Ademais forma parte da Zona Núcleo da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Pero este conxunto de recoñecementos cobra, se cabe, maior valor de termos en conta a súa situación, no corazón dunha das áreas máis densamente poboadas de Galicia, pois Oleiros, pola súa situación próxima á Coruña, e as caraterísticas da súa costa, chea de pequenas e acolledoras praias, foi centro de intereses inmobiliarios dende as últimas décadas do século pasado.

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: baixa

A ruta comeza en Mera, pero de camiño alí, fixemos unha parada en Santa Cruz, para tomar o café, pasear polo seu pequeno porto embarcadoiro (hoxe en día cun número de mariñeiros moi reducido), e ver o seu castelo, unha construcción defensiva do século XVI enclavada nun illote que, co tempo se converteu en pazo da familia de Emilia Pardo Bazán e, posteriormente, en residencia de verán de orfos de militares. Actualmente alberga ao CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación de Galicia). Logo de cruzar a pasarela que da acceso á illa, paseamos arredor dela seguindo o itinerario marcado, e gozando das marabillosas vistas ao mar.

Despois do paseo, o autocar levounos ata Mera, outra localidade fronte á cidade da Coruña, xa ás portas da costa de Dexo-Serantes. Comezamos a camiñar dende a mesma praia, no mesmo núcleo urbano, caracterizada pola tranquilidade e transparencia das súas augas. O día non é o máis acaído para rutear, e sobre todo para fotografar, pois a medida que avanza a mañá a borraxeira é persistente, non chegando a divisarse a costa da Coruña, polo que hoxe a paisaxe, un dos puntos fortes da ruta, vai estar moi limitada. Unha mágoa!

Imos ata o faro, máis ben ata os faros de Mera, dúas torres moi parecidas e separadas entre elas por uns trescentos metros, que en realidade son torres de enfilación para facilitar a entrada no porto da Coruña e resolver o problema que supoñían os baixos das Xacentes. Tamén está neste entorno a antiga casa do fareiro, hoxe convertida Aula do Mar, Centro de Recepción de Visitantes do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes.

O camiño obriga a retroceder ata o desvío cara a península de Monte Meán. O mal tempo segue a ser implacable e xa debe ser a terceira ou cuarta vez que teño que secar o obxectivo da cámara (ata teño a tentación de gardala do incómodo que estou). Camiñamos tendo á nosa esquera a Enseada de Fontenla e medio divisamos os dous faros de Mera. Xa na punta, xusto en fronte, por onde se pon o sol, deberíamos divisar a Torre de Hércules… haberá que volver outro día.

Volvemos retroceder ata Canabal, camiñar un treito por estrada pasando por diante da súa frecuentada fonte con lavadoiro, e tomar o sendeiro que leva ata o Seixo Branco. De camiño atopamos as ruínas dunhas instalacións militares do século XX, que afean bastante o entorno.

O nome do Seixo Branco vén dado pola existencia dun gran filón de cuarcita, o único existente na costa de Dexo-Serantes. Este filón, moi chamativo polas súas dimensións e a súa cor branca, corta claramente o cantil de xisto, trazo polo cal os especialistas na materia lle asignan unha orixe posterior á Oroxenia Hercínica.

Seguindo o sendeiro paralelo á costa, sucédense as furnas de Ollo Pequeno, A Regocha e Ollo Grande, localizadas no Seixo Branco, que perforan a terra, e o mar ábrese aos nosos pés. Continuamos ata a enseada e o porto de Dexo: paga a pena pararse e contemplar as vistas desde o miradoiro, e ver os guindastres espetados nas rochas, dos que se valían os mariñeiros para subir e baixar as embarcacións.

Continuando por un sendeiro de terra pasamos polo lavadoiro do río da Pedra e, xa preto do mar, pódese contemplar a illa da Marola ao N, famosa polo refrán “quen pasa a Marola, pasa a mar toda”, porque esta é unha zona de fortes correntes e ondadas debido á confluencia de tres rías: a de Ferrol, a de Betanzos e a da Coruña. Xusto en fronte, rumbo N, deberíamos divisar o porto exterior de Ferrol… Hoxe, imposible.

Durante todo o percorrido, a micóloga de cabeceira, María, vai recollendo macrolepiotas e níscalos e ata atopou unha Clathrus ruber algo decolorada. que se partiu ao querer amosarma. Disque é rarísima nas nosas terras.

Tras abandonar a costa, atravesamos un denso bosque mixto, onde predominan os eucaliptos, por un sendeiro que nos conduce ata Dexo, onde nos abrigamos baixo o pavillón deportivo para poder xantar ao seco. Logo, visitamos a igrexa románica de Dexo, consagrada polo bispo Xelmírez en 1108.

Santa María de Dexo é un fermoso exemplo do románico rural galego do s. XII. Ao longo da súa historia sufriu un importante incendio en 1903 e numerosas reconstruccións, sendo unha das máis importantes a levada a cabo no 1991, cando se procedeu a desmontar e volver levantar pedra a pedra gran parte da mesma. Ten unha soa nave cuadrangular, rematada nunha ábsida semicircular. A porta da fachada principal conta con dous pares de columnas e consta de tres arquivoltas de medio punto. Hai canzorros con representacións de cabezas humanas e de animais, sendo moi representativa a imaxe dun año, o Año Místico.

Xa sen chuvia, quédanos un fermoso paseo ata Mera, pois imos por uns camiños nos que o outono fixo acto de presencia. Unha gozada!

A pesares do día que nos tocou, non hai que ir moi lonxe para encontrar auténticas marabillas da Natureza!

Practicamente o relato desta entrada está baseado na páxina do CEIDA: http://www.ceida.org/costadexo/index.php, da que aconsello botarlle unha ollada.



Galería

Costa de Dexo


2 comments

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*