Camiño dos Arrieiros

Camiño dos Arrieiros

Datos técnicos da ruta

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

O cantar dos arrieiros
éche un cantar moi baixiño, ai, la
cántano en Ribadavia
resoa no Carballiño, ai, la.

Hoxe fomos ata o alto Ribeiro a percorrer o Camiño Natural dos Arrieiros, unha ruta sinalizada polo Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente dentro do seu programa de Camiños Naturais. A Ruta dos Arrieiros, segundo se le nun dos paneis ilustrativos “é un antigo camiño real da época medieval que xurdiu polo interese de comercializar o viño do Ribeiro que tiñan os mosteiros cistercienses da comarca. Así, dende o s. XIV, e grazas á demanda crecente destes viños en boa parte de Europa, esta vía de comunicación adquiriu un enorme auxe.”

O oficio do arrieiro é raro na Galicia tradicional, na que a xente estaba practicamente atrapada na terra para sobrevivir. O arrieiro, que ía de fonda en fonda e de vila en vila, era visto como a liberdade, pero tamén como o perigo da infidelidade marital… non en van dí a copla

Non te cases co arrieiro
que leva a vida penada.
Nin oe misa no domingo,
nin durme só na cama.

Comezamos a camiñar…

Imos facer un percorrido circular que iniciamos e rematamos na parroquia de Partovia, no Carballiño, pois non o fixemos dende o comezo “oficial” do percorrido, establecido en Fonteantiga.

Camiño dos Arrieiros

Antes de comezar a ruta propiamente dita, achegámonos ata o Balneario de Caldas, coñecido e usado dende a época romana. Ten tres mananciais con fontes, baños e duchas para o tratamento de enfermedades da pel, gorxa, afeccións intestinais e hepáticas. Evidentemente, as instalacións mudaron moito e hoxe está a piques de reabrir nun moderno edificio. Unha boa nova para revitalizar esta zona rural.

Volvemos sobre os nosos pasos e andamos por un camiño perfectamente acondicionado e sinalizado. O roteiro é fermosísimo e completo. A ruta atravesa vellas aldeas Refoxo, Porto de Eguas, camiños invadidos polas mimosas, preámbulo de aldeas abandonadas, como a de Sona, unha mostra mais do abandono que sofre o rural galego. Sona, e outras aldeas abandonadas polas que pasaremos ao longo do percorrido, é un prodixio da arquitectura popular, pois vemos como os robustos muros de grandes perpiaños seguen aí, e que, a diferencia doutras zonas de Galicia, non se lles ve unha soa grieta; poderíanse teitar, acondicionar, e volver a comezar a vivir nas casas (igual ten que chegar algún inglés para que merque a aldea e a reconstrúa…! ).

Camiño dos Arrieiros

Logo comezamos a descender polo monte comodamente por un sendeiro de grava acondicionado con escalóns que fai moi doada a baixada, e con algún tramo bastante erosionado pola chuvia que compre reparar, ata chegar ao regato do Varón; imos descubrindo como o home traballou en socalcos estas terras de viño e de cereal a unha e outra beira do regato, nun trazado sen apenas desniveis, coas invasivas mimosas sempre presentes nos outeiros… pero tamén admiramos viñedos aínda coidados, en socalcos, como vemos máis adiante no Pazo de Lodeiro. 

Camiño dos Arrieiros

O tramo que facemos de ida e volta dende o muíño de O Varón ata Fonteantiga é fermosísimo. De regreso, entre cultivos parcelados con muros de pedra, a senda comeza a separarse do río, subindo entre carballos cara aos vellos muros da Fraga, outra aldea abandonada cos muros das casas aínda en pé, que dan boa conta da riqueza que supuxo o viño para estas terras.

Camiño dos Arrieiros

Logo, xa por aldeas habitadas como as de O Covelo e O Mesego, onde compre facer outro desvío da ruta para admirar a igrexa de Santa María, cunha fermosa portada románica composta de dobre arquivolta, lixeiramente apuntada, de dobre baquetón e chambrana axadrezada.

Camiño dos Arrieiros

Estamos xa na parte alta do percorrido, sen dificultades salientables, polo que só compre pasar por diferentes aldeas e lugariños para chegar a Partovia onde pechamos o percorrido circular deste camiño, e quedamos marabillados, outra vez, de andar por esta zona de gran valor cultural e natural vencellada ao Ribeiro. Unha auténtica gozada.

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Camiño dos Arrieiros”

  1. O dos horreos cabalgando e facendo arco é curiosísimo. As paisaxes de río ou monte son moito máis bonitas para as fotos que as de mar, a min gustanme moitísimo máis!!!!

    1. Pois eu non sei con cal quedarme, se río ou mar… supoño que o das fotos dependerá moito do día e do estado de ánimo no que me agtope.
      Grazas!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio