Camiño de San Salvador 2. La Robla – Poladura de la Tercia


600 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...
Camiño de San Salvador. La Robla - Poladura de la Tercia

A cea no albergue de Poladura soubo a gloria!

As sete da mañá, dispostos a iniciar canto antes unha nova etapa. Os nosos compañeiros de cuarto xa nos levan vantaxe pois xa hai tempo que deixaron o albergue, pero non todos, pois aínda queda nel unha parella de húngaros mozos da que non falei onte, facendo as súas oracetapa-de-la-robla-a-poladura-de-la-terciaións matutinas despois do almorzo.

  • Lonxitude: 24 km (4,6 km/h)
  • Desnivel: Medio
  • Dificultade: Media-alta

Saímos do albergue con vento de norte que baixou algo as temperaturas respecto ao día anterior. A primeira parada, obrigada. Ao chegar á ermida del Buen Suceso paramos no bar que hai á outra beira da estrada a tomar as xa famosas tortillas. Que pintaza! Compartimos a de patacas, a de pementos e a de setas.

Con forzas renovadas, animados polo propósito de írmonos cara ao norte, ao norte, ao norte, pase o que pase, sempre, sempre, sempre ao norte, imos por unha paisaxe que vai gañando en gama de cores, cunha variedade de flores e aromas a tomillo, ourego… Moi aromático o traxecto o que nos sorprendeu gratamente. Logo continuamos cara a Nocedo e á Pola de Gordón onde Xerardo, Chus e María lembraron a estadía que fixeran co grupo de sendeirismo da USC.

Dende alí, a subida a Buiza, logo de pasar pola súa ermida de Nuestra Señora del Valle e por un lobo que nos vai vixiando en todo momento, lembrándonos que estamos en terra de lobos. En Buiza paramos a repoñer forzas ao pé da súa fonte cunha auga fresquísima; estamos na antesala do que vai ser a parte máis espectacular e dura desta etapa, o ascenso ao alto das Forcadas de Santo Antón (1458 m). Subindo o alto das Forcadas de Santo Antón, a partires da cota 1350 tivemos que aturar as atacadas dun enxame de moscas que lle fixeron lembrar a Xerardo, pola súa insistencia, ás moscas das que fala Pablo Neruda no Canto General que tan ben musicou Mikis Theodoraquis: moscas húmedas de sangre humilde y mermelada, moscas borrachas que zumban cubre las tumbas populares, moscas de circo, sabias moscas entendidas en tiranía. María lémbrase igualmente do poema Las Moscas, de Machado, tamén musicado por Serrat.

Dende alí a baixada a Poladura facémola por un entorno espectacular, imos por unha fermosa pista que entre piñeiros que nos leva ata un punto, no que hai unha caseta de auga, onde hai que abandonar a cómoda pista pola que estamos descendendo para tomar unha estreita senda que nos leva a media ladeira cara á cima do Barrancón. Eu creo que a parella de húngaros continuaron camiño abaixo, máis cómodo, pois chegaron a Poladura tardísimo, dicindo que se perderan (igual foron ata Rodiezmo!). Este é un dos tramos máis fermosos, para min, deste camiño, e seguimos co festival de aromas e cores… e moscas.

Na pista que leva primeiro a San Martín e logo a Poladura, cruzámonos cun paisano medio espido que está facendo a súa andaina sabatina, e que nos ilustra sobre a comarca de La Tercia, os seus picos máis salientables, ou que Amancio Ortega, o de Inditex, naceu nestas terras, en Busdongo; intuimos que o paisano é de Rodiezmo cando nos comenta que ésta foi a capital ata que nos anos 70 do século pasado “a roubaron” os de Villamanín. Dan gañas de quedar a falar máis tempo, pero o cansanzo xa nos está a pasar factura e despedímonos con gañas de chegar ao albergue e desexándonos bo camiño.

Xa en Poladura, case o primeiro que facemos é tomarlle unhas cervexas na casa de turismo El Embrujo, e asegurarnos de que temos reservada a cea para os seis; efectivamente así é, e quedamos en ir recollela sobre as oito e media; mentres agardamos pola cea, excelente e deliciosa, por certo, comentamos que ainda non entendemos como nos queren cobrar 15 €/persoa ceando alí, ou ben 8 € se levamos o xantar ao albergue.

Logo de asearnos, lavar e tender a roupa, descansamos na pequena praza mentres a xente do lugar comeza a chegar agardando polo cura que ven misar. Parece que hoxe retrásase. Tamén estivemos de conversa en El Embrujo con cervexa en ristre cos nosos compañeiros camiñantes Ernest, Manu e Pedro, que está preocupado polos húngaros, aos que tamén apuntou para cear, e do que está medio arrepentido, pois non dan chegado e vai ter que pagarlles o seu menú. Finalmente aparecerán, tarde, pero aparecerán. Desta vez temos un novo compañeiro de habitación, con acento francés, que chegou directamente de Madrid e ven só para facer a ruta de mañá ata Pajares “pues el resto no le interesa ya que es feo”. Un friki do camiño, vamos.

A cea, arroz con cogomelos e verduras e unha carne guisada que soubo a gloria! Compartimos mantelo con Manu, Pedro, Ernest e a parella de húngaros. O francés xa está na liteira. Agora, a descansar que mañá temos a etapa raíña con subida ao Canto de la Tusa e a Pajares. O Xerardo aínda aproveita para sair un rato, pois anda preocupado polas nubes que estaban coroando as montañas polas que iremos mañá, pero unhas señoras que quedaron de contos de polavila despois de misa, desengánano e asegúranlle que mañá teremos un bó día para camiñar. A ver…



Galería

Camiño de San Salvador 2. La Robla – Poladura de la Tercia


Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*