Camiño de San Rosendo IV. De Celanova a Parderrubias

Camiño de San Rosendo IV

Con este percorrido completamos o camiño entre Santa Comba de Bande e a cidade de Ourense, que comezamos en febreiro do ano pasado. Antes de comezar a xornada, non me resistín ir visitar de novo o impresionante claustro de San Salvador, o que aproveito para comentaros un acontecemento que me lembrou a andarina Carmen, pois estes días pasados a primavera deixa un efecto máxico na capela mozárabe de San Miguel de Celanova: en dous días concretos e moi especiais do ano, o equinoccio de primavera e o de outono, e nun par de minutos, a luz do sol ao mencer entra pola ventá da fachada leste e sae pola estreitísima ventá que decora a fachada contraria, formando o rosetón de luz que tan ben se ve na fotografía. Feliz primavera!

  • Lonxitude da ruta: 18 km
  • Desnivel: baixo-medio (de subida e baixada)
  • Dificultade: media

Que día tan acaído para ir a Celanova! Onte conmemorouse o Día mundial da poesía e qué mellor ocasión para ir visitar a Casa dos Poetas, casa-museo onde naceu Curros Enríquez que axuda a difundir o coñecemento da vida e obra de Curros, así coma dos outros escritores relacionados con Celanova, e que maxistralmente nos ensinou Paula, que xa nos acompañara na visita ao Mosteiro de San Salvador,  transmitíndonos, ademáis dos seus coñecementos, o seu amor pola vila e polo que fai. Parabéns!

Preto d’a cibdá d’Ourense,
camiño de Celanova,
ond’é máis tépedo o vento
q’a terra galleg’ azouta,
d’un círcolo de montanas
n’a faldra, sempre verdosa,
esténdes’un val frorido,
cuberto d’herbas cheirosas,
piñeirales y arboredos
ricos de frutas e sombra.

Curros Enríquez. Aires d’a miña terra. 1883

Despois de visitar a Casa dos Poetas, comezamos a camiñar dende a praciña das Pitas, diante do mercado celanovés, percorrendo esta fermosa vila. Pronto chegamos a Vilanova dos Infantes, anque máis ben debería ser “das Infantas”, xa que segundo as referencias históricas serían a irmá e a nai de San Rosendo, Ilduara Eiriz, as ilustres personaxes en que se inspirou a súa denominación, pois alí fundaron o mosteiro feminino de Santa María.

Este núcleo de Vilanova pódese distinguir na paisaxe dende lonxe pola súa singular Torre da Homenaxe dunha antiga fortaleza da baixa Idade Media. En Vilanova destacan tamén as casas señoriais e o propio núcleo urbano, compacto e ben conservado, disposto ao redor da torre (anque con algunha que outra construcción que afea o conxunto!). Na vila abondan os canastros e as rúas que conservan o seu carácter medieval. A igrexa parroquial, barroca, está situada fóra do burgo e conserva no seu interior un dos grandes cristos medievais da provincia, procedente, probablemente, do antigo mosteiro de Santa María. Desde logo, a visita a Vilanova é moi recomendable… e continuamos con Aires d’a miña terra de Curros:

Vilanova d’os Infantes
É vila de grande sona:
N’ hay zapateiros n’o mundo
Que batan millol-a sola;
Non se cocen en ningures
Petadas qu’ aquí non cozan,
E d’ aquí sán pr’ os teares
As millores mazarocas.
Aquí está a gracia d’ os homes
Y-a fror y-a nata d’ as mozas;
En fin, sólo aquí naceron
Sólo aquí, Martiño e Rosa.

Continuamos camiño, principalmente por pista asfaltada neste tramo, pasando polas aldeas de Carfaxiño e Viveiro antes de chegar, perto de Barxiña, ao río Arnoia. Alí fixemos parada para repoñer forzas e descansar nunha área recreativa instalada á beira do río, que aínda amosaba os efectos das recentes enchentes. Logo, continuamos por un fermoso sendeiro de pescadores pola beira esquerda do río baixo ameneiros, carballos, freixos e salgueiros, acompañados polo murmurio constante da auga, ata chegar á ponte de granito que nos permite cruzar á outra beira.

Dende o medio da ponte, contémplase a ruidosa caída da auga por un “caneiro” duns tres metros de altura, que embalsa a agua para o muíño de Varela que podemos observar ao cruzar a ponte.

Desde aquí emprendemos unha pequena subida ata Aúlfe, e seguimos por unha pista forestal que nos leva a santuario de Nosa Señora das Marabillas, xa no concello de Cartelle. Desta igrexa barroca destaca a súa sinxeleza cunha fachada principal enmarcada entre pilastras adosadas, sendo estas o único elemento ornamental. Nas inmediacións encontrase unha enorme cruz granítica, á que nos achegamos, dende onde hai unha fermosa panorámica destas terras.

Seguimos pola esquerda da Igrexa baixo un carballo cunha copa espectacular, estamos xa a escasos quilómetros de Parderrubias, onde nos apartamos do itinerario para poder visitar a súa igrexa parroquial de Santa Olaia, con fachada neoclásica. De aquí baixamos ata a estrada principal onde nos agardaba o bus e damos por rematama a ruta.

Ao longo destas catro etapas que fixemos nestes dous anos poidemos coñecer a Galicia rural e a riqueza paisaxística desta zona da provincia de Ourense. Camiñamos a través de bosques, percorremos ríos e regatos con innumerables mostras etnográficas como muíños, “caneiros” ou pontes, visitamos parte do rico patrimonio como Santa Comba de Bande ou o mesmo Mosteiro de Celanova coa capela mozárabe de San Miguel, e cruzamos por fermosas aldeas con construccións típicas, os hórreos, tan importantes para a economía rural galega. Quedounos unha pequena espiña cravada por non poder desfrutar dun baño nas termas naturais que hai no lugar dos Baños, pero é boa escusa para voltar noutra ocasión!


Ver Camiño de San Rosendo IV. De Celanova a Parderrubias nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

4 comentarios sobre “Camiño de San Rosendo IV. De Celanova a Parderrubias”

  1. Qué beleza de paisaxe!!!!, qué preciosas as fotografías do río!!!, algunha delas semella unha pintura impresionista!! Noraboa por tan fermosas fotografías e tan cuidada descrición do roteiro. Moitas grazas.

  2. Ola, coincido con Mariví, que beleza!
    Pechamos unha etapa: rematamos o camiño de San Rosendo. Haberá que abrir novas frontes!
    Ese río Arnoia…… mmm.

    Grazas Fran, unha vez máis.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio