541 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (5 votos, media: 4.80 de 5)
Loading...
Chegando á Ferreiría do Boi

Chegando á Ferrería de Bois

Imos ao concello de As Nogais a facer unha ruta por zona de montaña. Das que me gustan, vaia! Unha ruta moi recomendable, con bos camiños en xeral, cun alto interese natural e paisaxístico, na que a dificultade pode vir dada polo desnivel e a lonxitude.

  • Lonxitude: 22 km
  • Desnivel: medio-alto  (moi forte nalgúns puntos)
  • Dificultade: media- alta

Antes de iniciar o percorrido paramos na capital municipal para tomar o café e tamén aproveitei para ir á panadería Ricardo a mercar un pouco de pan (que pan máis rico! Aínda non coñezo un lugar en Lugo no que non me gustase o seu pan); outros trouxeron tamén biscoitos, e a min quedoume pena de non traer empanada pois tiñan unha pinta! Había de bacallau, de carne, de bonito e “gallega”… E que ten a “gallega”? Pois, lacón, chourizo, touciño…

O percorrido comezámolo na parroquia de Doncos. Ao pouco de comezar a camiñar, sáenos ao paso Xosé Espín, o que fora alcalde polo BN-PG nas primeiras eleccións democráticas de 1979. Collo tarde a conversa e despois de falarnos das peculiaridades do pazo de Doncos (tamén chamado Casa de su Excelencia), escóitolle que vai todos os días a darlle corda ao reloxo da igrexa parroquial de Santiago, unha rareza de mecanismo pouco coñecida. Mágoa que teñamos que seguir camiñando pois, pola paixón que desprende ao falar, seguro que nos ía ilustrar moito sobre este lugar!

Despedímonos e, despois de cruzar As Lamas e O Pandelo, onde nos cruzamos cun paisano que levaba os años a pastar, iniciamos a subida ata Os Chaos (temos que salvar un desnivel duns 400 m nuns 4 km), e dende aquí comezar o descenso polo Monte da Valiña, no que pouco a pouco vaise abrindo paso o día, pero iso non quere dicir que entre a luz. A néboa cúbreo todo e non hai forma de ver ben as paisaxes que se adiviñan.

Facemos un pequeno percorrido de ida e volta ata as ruínas da Ferrería de Bois, á beira do río de Augas Rubias e abandonada en pleno bosque. A Ferrería de Bois é un claro exponente dunha das antigas industrias existentes na Comarca de Ancares: a do traballo do metal en pequenas ferrerías.

Este enclave está rodeado dun fermosísimo e extenso bosque autóctono que se atopa nun excelente estado de conservación. Imos entre acibros ben conservados e carballos de gran porte; camiñar por este entorno lémbrame a Fiz de Cotovelo (case sempre lembro cando vou por estes espazos tan abraiantes), o espectro que Fernández Flórez debuxa no Bosque animado, obrigado a penar despois de morto por non cumprir a promesa de ir ata San Andrés de Teixido, e semella que en calquera momento vai aparecer por aquí, nesta paisaxe tan mesta.

Logo de facer un pequeno descanso para xantar, iniciamos o regreso a Doncos, e facémolo subindo á Serra Longa. Dende aquí hai unhas vistas impresionantes sobre toda a comarca de As Nogais, parte do Cebreiro, Becerreá e outras zonas montañosas, que intuimos pois a néboa volve aparecer, unha vez que gañamos altura. Unha mágoa!

Á dificultade de salvar este desnivel, tivemos que engadirlle un camiño cheo de lama (pero cheo eh!), xa no tramo final, o que dificulta un pouco a marcha. Grazas que en Doncos unha veciña nos deixou unha mangueira coa que poidemos sacar a lama adherida ás botas. Aínda temos tempo de pararnos e apreciar aínda mostras de arquitectura popular, como os hórreos típicos da zona dos Ancares, feitos en madeira, con planta cadrada e teito de palla. Unha delicia ver como aínda se manteñen estas construcións!



Galería

As Nogais


4 comments

  1. Responder

    Mariví

    Qué ruta fermosa!. Coñezo moi ben o pazo de Doncos, nel vive un bo amigo a quen hai tempo que non vexo pero sei con frecuencia del. Sabes Fran que o pazo foi da familia da nosa querida Daría Vilariño?, pola parte da súa bisavoa, Candelaria Magdalena. Despois foi vendido varias veces e o último comprador e habitante, hai polo menos 15/20 anos, é o que foi Director do Museo de Arte Abstracto Español e director asemade das Semanas de Música Religiosa, tamén de Cuenca, que o mercou e restaurou para o seu retiro. É precioso por dentro e ademais unha mostra do exquisito gusto do seu morador en tódalas súas dependencias. Non poño o seu nome porque non creo que lle gustara que o fixera, aínda que o millor o ex-alcalde xa volo dixo.

    • Responder

      Moitas grazas pola información!
      Non sabía nada do que contas e, mira tí, tan relacionado contigo tanto polos vellos como polo novo propietario. Debe ser unha gozada coñecer o pazo por dentro, pois ten pinta de que foi restaurado con moito gusto e por fóra está espléndido, o que me alegra polo bó estado de conservación no que se atopa.
      Xa me contarás máis!
      Bicos

  2. Responder

    Pilar del Oro

    Todo moi fermoso, o texto, as fotos, os comentarios que complementan a ruta.
    Grazas de novo Fran

    • Responder

      Grazas Pilar. A ver se Mariví nos organiza unha visita ao pazo e levámola ata alá, para que non colla un taxi, non vaia a ser!
      ???? ????????
      Bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*