Arredores de Luz-Saint-Sauveur


351 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

A actividade especial de verán que prepararon a FUSC Deportiva e o Servizo de Deportes da USC para este ano ten carácter internacional. Viaxamos ao Pirineo francés, máis concretamente a Luz-Saint-Sauveur, no corazón do Parque National des Pyrénées, dende o 22 ata o 28 de xullo, para practicar sendeirismo durante cinco intensos días por un entorno espectacular.

O relato que faremos de cada xornada vai ser moi sucinto, practicamente baseado na descrición das rutas que nos facilitaron dende a FUSCD.

Segundo nos comenta Víctor, o de hoxe “é un itinerario moi bo para ter a nosa primeira toma de contacto con esta zona do Pirineo”.

Comezamos a ruta camiñando dende o hotel onde nos aloxamos, o Panoramic, baixando ata Luz, e dando unha volta pola vila, para coñecer algúns dos lugares máis interesantes, como a Eglise des Templiers, que chama máis a atención pola súa arquitectura exterior que polo interior da mesma. Aínda así, facemos unha visita rápida pois paga a pena adicarlle un intre e empaparse da historia dos antigos templarios.

O percorrido sigue parte da ruta GR‐10 (o sendeiro francés que cruza a cordilleira pirenaica dende o Cantábrico ao Mediterráneo), pero antes de chegar á poboación de Bareges, enlaza cun sendeiro local que en forte descenso nos leva ao lugar de Betpouey, que en occitano significa bello monte, o que indica ben o emprazamento privilexiado deste pobo, a 990 m de altitude, dominando o val. As súas casas están construidas ao redor da igrexa, cun campanario mural do século XIII-XIV.

É un percorrido sen dificultades, os camiños en xeral son cómodos. Moitos deles son corredoiras por zonas boscosas. Tamén pasa por pistas entre zonas gandeiras. A paisaxe é unha marabilla e nos permite ter unha estupenda perspectiva da zona. A pesares de que a medida que imos gañando altura a néboa impídenos ter unhas vistas amplias da paisaxe, esta intúese espectacular.

Unha vez nos recolleu o bus en Betpouey, levounos ata o hotel pola ponte que da acceso a Saint Sauveur, a Ponte de Napoléon, onde paga a pena dar un paseo para ver esta fermosa ponte de gran altura, pois dende ela as vistas son estupendas. Para os valentes, pódese practicar puenting e tamén escalada nas súas beiras. Tamén tivemos tempo de visitar o Château Sainte-Marie, que domina a vila, construido no s. X e que serviu como refuxio aos habitantes do val en numerosas ocasións.



Galería

Arredores de Luz-Saint-Sauveur


Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*