Andaina de Lires a Fisterra

Andaina de Lires a Fisterra
Andaina de Lires a Fisterra

Este luns, aproveitando a celebración de San Tomé de Aquino na Universidade, fomos dar un paseo duns 18 km unha panda ben levada que comezamos en Lires, rematándoa cun xantar en Fisterra. Pola tarde, aínda lle metemos uns cinco km máis subindo ao Facho para visitar San Guillerme e ver novamente os restos da ermida e subir ata as Pedras Santas e desfrutar das vistas, e de paso botarlle un ollo ao faro por ver se seguía no mesmo sitio.

En principio, a idea de facer algo o 26 plantexouse na andaina do Barbanza, pero para ir tomar a lamprea a Noia, que seica a fan distinta, con guisantes e pataquiñas, pois dado o avanzado da semana e que a lamprea debe estar cara, pois aínda non se ve moita, decidimos pospoñelo para máis adiante, polo que argallamos unha andaina polas terras de Suso e Manolo Bermúdez. A abofé que acertamos!

  • Lonxitude: 18 km aprox.
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio

Fixemos unha andaina na que mezclamos tramos do camiño entre Muxía e Fisterra e os do que hoxe xa se empeza a coñecer como o Camiño dos Faros na súa última etapa entre Nemiña e o Faro de Fisterra, unha fermosa iniciativa que vai iniciar en marzo a súa 5ª edición, e que animo a percorrer.

Chegamos a Lires sobre as dez da mañá cun día espléndido (o día axudou, vaia se axudou!), e mentres Manolo, Suso e mais eu levamos os coches ata Fisterra, o resto quedou agardándonos tomando un café na das Eiras.

Ría de Lires fórmase na desembocadura do Río Castro na praia de Nemiña, creando un habitat para un bó número de especies de aves, sobre todo, gaivotas e corvos mariños, que encontran alimento moi facilmente nos restos da piscifactoría que hai alí.

Unha vez cruzamos a aldea de Lires, e contemplamos a súa ría dende a ponte, iniciamos o camiño ata A Canosa e Castrexe, dende onde enfiamos ata a Praia do Rostro, unha auténtica marabilla desta Costa da Morte. Non vos podedes imaxinar o pracer que supón ter unha praia destas dimensións para tí só, pois é un completo luxo para os sentidos. Accedemos a ela a través do seu extenso sistema dunar, golpeado constantemente polo vento e polo mar, o que provoca que teña alturas importantes, case en vertical.

Cruzamos os case dous quilómetros do Rostro en marea baixa pola beira do mar, sen prisa e desfrutando da inmensidade desta praia. Non sei se vos lembrades que os contínuos temporais fixeron que aflorara o esquelete dun barco naufragado en 1927. O “Silva Gouveia”, de máis de 60 m de eslora, que transportaba unha carga de azucre.

Logo de deixar a praia pola Punta do Rostro, enfiamos de novo cara ao interior, pasando por Castromiñán, para acceder de novo á costa á altura da Praia de Arnela, outra preciosidade. Os meus problemas de vértixe impídenme ir co grupo e, xunto con Manolo, tomamos a alternativa de cruzar polo monte, camiño do Cabo da Nave, mentres o resto marabíllase con esta parte da costa, vendo como os percebeiros fan o seu traballo aló en baixo na Punta do Castelo.

Chegamos ata as antenas do Cabo da Nave, a cota máis alta da andaina (220 m), onde nos agarda o groso do grupo e aproveitamos para facer un pequeno descanso, antes de afrontar os últimos quilómetros, pois xa imos co tempo xusto xa que queremos xantar en Fisterra; no descenso seguimos desfrutando das vistas, que desde este miradoiro son espectaculares: A Nave que cae en picado co Berrón aló en baixo, a praia de Mar de Fóra, o impresionante Monte Facho…  

E chegamos a Fisterra, e mentres nós imos ata os coches a deixar as mochilas e demáis trebellos, Manolo encarga unha mesa no Tearrón (o tea room fisterrán).

Xa pola tarde, a pesares das queixas de Tomás, aínda lle metemos uns cinco km máis subindo ao Facho para visitar San Guillerme e ver novamente os restos da ermida e subir ata as Pedras Santas, que eu non coñecía, e desfrutar das vistas… Mar de Fóra, a Nave, Touriñán cara ao norte, O Pindo cara ao leste e Louro, Corrubedo, Cíes e, segundo Manolo polas luces do seu faro, Cabo Silleiro! Xa se nos veu a noite enriba e o día non deu para máis, pero que día!

Na ermida de San Guillerme conflúen os ritos ancestrais das celebracións arredor da Ara Solis como lugar de transmigración das almas cara ao máis alá do solpor, xunto con ritos da fecundidade que as parellas practican na chamada Cama do Santo para propiciar os embarazos.

Manolo, o fisterrán de Ortigueira, que xa teremos que chamalo Manolo da Costa, e Suso de Sardiñeiro leváronnos moi ben guiados, parabéns para todos e ide pensando en institucionalizar o día de San Tomé cunha andaina. Eu apúntome!

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Andaina de Lires a Fisterra”

  1. Sr. Ben Gunn

    Tremenda satisfacción! 24 quilómetros nas pernas, chegar a Compostela, meterlle dos grolos de mencía e ver perder ao Celtiña e despois ducha e para cama… eu volvo a repetir pero que non perda o Celta…

    1. Grazas Jaime! Non se pode ter todo nun mesmo día, pero cando queiras, repetímola e levamos a Antonciño (e a quen se apunte). Tés que escribir a historia que nos contaches na sobremesa sobre o “recomendado” Torrente. De verdade, faino!
      Apertas

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio