Alto da Farria. Xunqueira de Ambía


292 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 4.00 de 5)
Loading...

O ano pasado por estas datas achegámonos ata Xunqueira para facer o Sendeiro de Pelamios e moitos quedamos abraiados coa beleza da paisaxe e o bo estado de conservación do medio natural. Ese mesmo día decidimos que tiñamos que regresar a Xunqueira. Nesta ocasión imos facer un pequeno percorrido non sinalizado que pasa por zonas moi variadas deste concello.

Ao comezo, a senda lévanos á beira do Arnoia, logo vai subindo pouco a pouco ata o castro da Acea, e segue ascendendo ata acadar o Alto da Cruz e a Farria, a máis de 800 m de altitude. Neste alto iniciamos o regreso descendendo ata Xunqueira.

O itinerario non presenta maiores dificultades, salvo algún punto moi concreto do ascenso e descenso da Farria, onde a pendente é un pouco forte e o chan un pouco esvaradío, pero son tramos moi curtos. A auga e a lama, en caso de habelas, tamén pode complicar un pouco a ruta.

A ruta é unha fermosura e son abondosos os bosques ben conservados e as fermosas corredoiras entre carballos e castiñeiros, algúns deles dun porte considerable. As vistas dende o alto da Farria son moi boas, xa que se pode contemplar gran parte da provincia: Montederramo, Allariz, a chaira de A Limia… Hai que prestarlle atención tamén aos lugariños polos que pasamos: A Acea, O Covelo, Farria, Quintela, pois en todos eles podemos ver interesantes mostras de arquitectura tradicional.

Comezamos a camiñar…

Antes de comezar a ruta non hai que deixar de facer unha parada na Colexiata de Santa María a Real, que xa visitamos na anterior ocasión, pero sempre paga a pena ver un monumento destas características, pois é un conxunto do que temos que presumir e hai que dalo a coñecer máis. Seguro que noutro país cobrarían por velo, sen ningunha dúbida. Hoxe ademais tivemos a sorte de poder coñecer o campanario, pois Avelino, o amable sancristán que estaba tocando a morto, deixounos subir pola torre sen ningún problema. Moitas grazas!

Logo de enredar un pouco máis do debido, iniciamos o percorrido diante da mesma Colexiata e do edificio do Concello, imos descendendo cara ao río Arnoia, que estes días baixa cargado de auga.
Logo dirixímonos ata o lugar da Acea, onde nos reagrupamos e facemos un pequeno descanso, antesala dun dos puntos interesantes do percorrido, o Castro da Acea, un xacemento de forma elíptica, que está emprazado nun outeiro cunha altitude de 561 m e sobre o río Arnoia, que nos permite ter as primeiras vistas cara a Xunqueira e AllarizA croa é aplanada e presenta tres diferentes niveis de altura que se corresponden cos distintos usos da actividade humana, ademáis da función común, a defensiva. Case no centro ten unha marca de termo formada por un triángulo cunha pequena pía interior, é a marca divisoria entre os concellos de Xunqueira de Ambía e Baños de Molgas.

Deixamos o castro e imos por camiños feitos con paredes de pedra con perpiaños moi traballados, impropios dunha zona afastada das zonas habitadas, polo que se supón que son pedras reaproveitadas do castro.

O noso próximo lugar é O Covelo. Despois de pasar por impresionantes castiñeiros e carballos, hai que prestarlle atención ás interesantes mostras de arquitectura tradicional, como os hórreos, case todos de estrutura de madeira sobre cepas, algún deles elevados como pórtico de entrada á eira, e moitos en estado de abandono.

Dende aquí iniciamos a subida na procura do cume do monte da Farria, o noso obxectivo, subida que se fai máis pronunciada a medida que nos achegamos ao vértice xeodésico.

Antes de chegar ao vértice admiramos a cruz de pedra de Ambía, chantada no alto dun promontorio rochoso. De sección cadrada, e cunha altura duns tres metros, os brazos son un pouco desproporcionados, pois semellan algo pequenos.

Contan que a principios do s. XX unha gran treboada fixo estragos na parroquia de Ambía; o crego de entón convenceu aos feligreses para levar a Cruz de Pedra ao alto do monte e chantala no penedo que lindaba o monte de Suatorre co monte da Farria para que protexera á parroquia. E así o fixeron. Subiron a cruz nun carro e puxérona no penedo enriba do que dicían estaba a Cova dos Mouros, subindo un desnivel de máis de 200 m en apenas un km. 

Logo de encaramarnos á cruz para desfrutar da paisaxe, aproveitamos estes penedos para protexernos do vento, que zoa con pouca forza pero un pouco frío, e tomar un pequeno refrixerio para, a continuación, achegarnos á Farria, a uns 200 m ao leste da cruz de pedra.

As vistas sobre a contorna dende o alto da Farria son fantásticas, xa que se pode contemplar gran parte da provincia de Ourense. O sinal xeodésico está enriba dunha enorme rocha duns 4 m de altura, polo que subir non é doado. Iso non impide ter unha boa panorámica. Sobre unha rocha, o Víctor sinálanos a zona de Esgos e a Serra de San Mamede, XunqueiraAllariz, a chaira de A Limia, o Xurés

A partir deste lugar, a baixada é bastante pronunciada ata a aldea de Farria. Hai que facelo prestando moita atención, pois o risco de esvarar é alto. Ao pé da fonte, feita en 1960 e aínda co xugo e as frechas, un cartel nos indica que a mancomunidade de regantes está constituída dende o 1650!, pero un veciño coméntanos que hoxe en día xa non funciona pois case non hai veciños. O núcleo da aldea ten, como O Covelo, interesantes elementos de arquitectura popular, moitos deles en estado ruinoso.

Dende Farria, o descenso por forte pendente xa está superado e só compre chegar a Xunqueira dando practicamente un paseo. Os últimos km facémolos por fermosas congostras alfombradas de folla e entramos na vila por estrada, pasando por diante do albergue de peregrinos, pois non hai que esquecerse de que Xunqueira é paso obrigado para os peregrinos que van a Santiago pola Ruta da Prata, e polo barrio de A Fonte de Abaixo accedemos á praza da Colexiata onde rematamos a ruta ao pé do cruceiro barroco do adro de Santa María a Real.

Sen dúbida, pagou moito a pena esta segunda visita a Xunqueira de Ambía, pois a beleza da paisaxe non defraudou. Agardamos volver pronto por estas terras.


Vídeo


Galería

Alto da Farria. Xunqueira de Ambía


Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*